21/06/2022

Efeméride. Tecendo memorias. De nós

Centenario

Escolar de San Claudio. Culminan os actos conmemorativos do século da primeira pedra

O pasado día 18 rematou a celebración conmemorativa do centenario da colocación da pedra matriz do edificio monumental do Escolar de San Claudio, custeado pola sociedade homónima con sede central na Habana. O acto final consistiu  na descuberta dunha placa de recordación e ofrenda na que pode lerse a seguinte lenda:

1921 – 11 de xullo – 2021

En lembranza, homenaxe e gratitude á

SOCIEDAD PRO INSTRUCCIÓN, RECREO Y AUXILIO MUTUO

SAN CLAUDIO,

da Habana,

no centenario da colocación da primeira pedra

deste edificio escolar;

espazo de formación, cultura e convivencia comunitaria.

 

Asociación Centro Cultural Libro Vivo

e veciñanza da parroquia

 

No acto participou como convidado especial Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, organismo que custeou a placa de lembranza da efeméride, o alcalde do Concello de Ortigueira, os alcaldes de Mañón, Cariño e Cedeira, varios concelleiros e concelleiras do propio municipio e dos da contorna, a directiva en pleno do Centro Cultural Libro Vivo, representantes das asociacións culturais e veciñais dos arredores, os cronistas oficiais de Mañón e de Viveiro, antigos directivos de agrupacións galegas de Cuba da zona, familiares das autoridades concorrentes hai un século á colocación da pedra auroral do inmoble académico-cultural, familiares dos mestres que exerceron nas aulas do establecemento docente ao longo de catro décadas e decenas de persoas da parroquia, moitas delas descendentes dos socios da entidade promotora do Escolar, así como veciñanza en xeral da localidade e outras moitas persoas chegadas dende distintos puntos da comarca. Fixeron uso da palabra, por esta orde, o profesor Vicente Peña Saavedra, o titular do departamento autonómico da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o presidente de Libro Vivo e cronista oficial do Concello de Ortigueira, Carlos Breixo Rodríguez. A parte musical correu a cargo da saxofonista Marta Lamigueiro Durán e do cuarteto de gaitas e percusión Os Debotos, que interpretaron diversas pezas escollidas para o evento, na liña dalgunhas das xa entoadas alí mesmo hai unha centuria. A celebración concluíu cun almorzo de media mañá no que se degustou unha selecta partida de doces variados e outras comedelas de elaboración artesanal na pastelería local, acompañados dunha exquisita chocolatada.

Durante a segunda metade do ano 2021 e a primeira deste 2022 viñéronse celebrando diversas actividades nas dependencias do Escolar enmarcadas no ciclo conmemorativo do inicio das súas obras. Pronunciáronse distintas conferencias, houbo varias actuacións musicais, acolleuse a exposición Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia, organizada polo Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración, déuselle cabida a outra mostra fotográfica, realizouse unha ofrenda aos iniciadores da obra e plantouse unha árbore conmemorativa do centenario.

Concluída a programación prevista para lembrar o fito secular da pedra inicial, nos anos vindeiros proseguirán os actos enmarcados no centenario da construción do edificio social que no transcurso de cerca de corenta anos albergou as escolas de nenos e nenas da parroquia para logo servir de sede a distintas organizacións veciñais, recreativas, deportivas, musicais e culturais, entre elas o centro Libro Vivo, constituído en 1980. Esta agrupación pasou a ser dende 2003 delegada administrativa oficial na parroquia da Sociedad Pro Instrucción, Recreo y Auxilio mutuo San Claudio, con sede na Habana, continuadora da primixenia Sociedad de Instrucción San Claudio, fundada na capital cubana o día de Nadal de 1912, e propietaria do edificio. En canto delegada administrativa permanente, a agrupación Libro Vivo é responsable e usufrutuaria do edificio social que restaurou, rehabilitou, acondicionou e equipou na súa integridade para uso, beneficio e desfrute da veciñanza, conforme estipulan os estatutos corporativos da asociación habaneira. Ao longo destes case vinte anos de titular cesionaria do equipamento, veu organizando un amplo e diversificado repertorio de actividades culturais, recreativas, festivas e sociais que contribuíron a dinamizar e cohesionar a colectividade veciñal, garantindo ademais o relevo xeracional á fronte da institución. Quedan anos por diante para valorizar o ben arquitectónico-patrimonial que representa o Escolar como legado interxeracional e seguir dotándoo de funcionalidade sociocomunitaria e cultural no contorno onde se insire e ao servizo do mesmo.

 

Mensaxes das intervencións

A quenda no uso da palabra abriuna Vicente Peña Saavedra, quen evocou a efeméride de 1921 e a resonancia que tivera na prensa, salientando o valor material e inmaterial do inmoble erixido polos emigrantes e o feito de que a Sociedade promotora do mesmo é a única de ámbito parroquial de todo concello existente aínda na Habana. A continuación presentou ao convidado de honra no acto de quen dixo que era o mellor coñecedor das colectividades galegas no exterior e dos seus integrantes, un coñecemento cotiá, vivencial e permanentemente actualizado de maneira presencial, mesmo en tempos difíciles coma os últimos anos.

De seguido o Sr. Rodríguez Miranda pronunciou un discurso no que puxo de relevo a importancia do labor desenvolvido no campo escolar polos emigrantes transoceánicos, o seu compromiso cos lugares de partida e a vivencia da galeguidade no exterior hoxe en día por parte non só das primeiras xeracións senón tamén de moitos dos seus descendentes directos ou indirectos.

De novo volveu intervir Vicente Peña para ler dous textos de época relativos á entidade homenaxeada e que se reproducen a continuación. O primeiro, que considerou unha carta para o futuro, redactada por directivos da Sociedad San Claudio en 1914 e na que deixan constancia da confianza na súa obra, do optimismo educativo que comparten e da esperanza da continuidade do seu labor por parte das xeracións vindeiras. O segundo texto é revelador da morriña gastronómico-festiva dos ausentes e dos medios empregados para mitigala; neste caso esa saudade do apego acredítase a través do menú e do programa musical da xira bailable celebrada nos xardíns da cervexería La Polar o 26 de agosto de 1923, coincidindo coas festas do Carme, onde moita da nomenclatura referida remite a lugares e xentes da parroquia. Como remate das súas palabras trasladou «a quen corresponda», por se merecese ser tida en conta, a suxestión de solicitar que se rotulase a estrada que dende o Correo vai até a Feira co nome de Paseo dos habaneiros.

A continuación tomou a palabra Carlos Breixo quen resaltou o sentido do acto como homenaxe comunitario a cantos fixeran posible o levantamento do Escolar e contribuíran a mantelo vivo e activo durante cerca de un século. Mencionou nominalmente a moitos dos actores e promotores desa obra de alcance colectivo (directivos, mestres, intelectuais...) e citou de forma conxunta a moitos outros que tomaran parte nela de maneira simultánea ou sucesiva no decurso dos anos, chegando a un presente prometedor que arranca décadas atrás con Libro Vivo. A súa alocución estivo ateigada de verbas de gratitude para todos eles, pero tamén de demanda de apoio institucional para darlle continuidade á obra acometida, non sen atrancos, dende un século atrás e que hoxe segue precisando da contribución das Administracións, xa que as cotas sociais non abondan para manter unha programación estable e continuada de calidade.

 

Pezas musicais

Tralas intervencións orais, viñeron as interpretacións musicais. Marta Lamigueiro tocou ao saxo o Himno cubano (que cantaron algúns dos convidados) e a Alborada de Veiga. E o cuarteto Os Debotos executaron a adaptación da Alborada de Veiga que no seu día fixera Xabier Garrote e pecharon co Himno galego acompañados aos coros por moitos dos asistentes.

 

Así pecharon os actos conmemorativos do centenario da colocación da primeira pedra do Escolar de San Claudio que se celebraron ao longo da segunda metade do pasado ano e durante a primeira metade do actual. Pero ao tempo que se conclúen os festexos desta efeméride, inaugúrase outra etapa de lembranza conxunta que abranguerá os anos nos que se cumpre o século de construción do principal monumento civil comunitario con que conta a parroquia: o seu Escolar, que nos levará deica 2027. Logo virá o treito que nos conducirá ao seu destino a escolas nacionais e nos permitirá chegar a 2036. Daquela, nós ou quen nos sucedan xa pediremos ou pedirán máis. Un ciclo cronolóxico amplo no que confío en que haxa oportunidade de seguir enchendo de vida o edificio que xenerosamente nos foi legado.

 

***

 

Intervención de Vicente Peña

[Carta para o futuro, 1914]

«Todo hace esperar que el triunfo de nuestros ideales, que es el de todos los hijos de San Claudio, ha de verse coronado por el más lisonjero resultado en un plazo más breve de lo que todos esperábamos. No cabe dudar, que si el entusiasmo no decae, como suponemos que no ha de decaer, pronto hemos de ver en nuestra adorada aldea, funcionar nuestro sueño dorado, nuestro constante anhelo, un plantel donde se forjen los cerebros que más tarde, a la par que honrarán a nuestro rincón idolatrado, tendrán un recuerdo de gratitud para los que con el sudor de su frente han sabido fundar y sostener tan noble como valioso templo de la enseñanza; no dudando de que esa misma gratitud ha de indicarles a su tiempo el deber de contribuir con su óbolo al sostén de ese mismo templo, donde quiera que se hallen, a fin de que sus descendientes hallen después el mismo, o mejor si cabe, pan de la enseñanza, formando así los eslabones de la cadena y engranes que ha de hacer funcionar la obra por nosotros iniciada y sostenida perdurablemente por las generaciones venideras.»

***

 

MENÚ E PROGRAMA MUSICAL DA «XIRA BAILABLE» CELEBRADA NOS XARDÍNS DA CERVEXERÍA «LA POLAR» O 26 DE AGOSTO DE 1923 POLA

SOCIEDAD DE INSTRUCCIÓN SAN CLAUDIO

(COINCIDINDO COAS FESTAS DO CARME)

MENÚ

Vermouth do Campo do Souto.

Entremés: de Ribados.

Entrante: Arroz con polo de casa Seoane.

Filete de pargo de Predoselo.

Ensalada dos Barcós.

Perna de porco do Mesón.

Peras e melocotós dos Barreiros.

Pan da casa Serapio.

Viño do Francés.

Cerveza «Polar».

Tabacos Cubanos dos que fuman en «San Claudio».

Agua mineral «La Cotorra»[do alaricano Claudio Conde].

Café do Camiño Grande.

+

PROGRAMA MUSICAL

Primera parte:

Vals «Sufrimiento de Amor».

Danzón «¡Hay que ver!».

Fox Trot «Mr. Gallagher».

Danzón «Lo que vieron mis ojos».

Paso doble «El Tamalero».

Danzón «Macontivirí».

Segunda parte:

Danzón «Eskimo Pai».

Fox Trot «Chicago».

Danzón «Pensamiento».

Schottisch «¡Ese tiempo ya pasó!».

Danzón «El Cisne Blanco».

Paso doble «La Canción del Soldado»

Extra: Jota «¡Viva San Claudio!»

 

Orquesta: Felipe B. Valdés

 

Placa conmemorativa

17/06/2022

Efeméride. Tecendo memorias. De nós

Centenario

A primeira pedra do Escolar no Diario de la Marina

A comezos da segunda metade do mes de agosto de 1921, o xornal habaneiro Diario de la Marina publicaba unha das crónicas habituais do seu correspondente en Galicia, o escritor viveirense Antón Villar Ponte, quen con anterioridade, como é sabido, estivera radicado durante uns anos na capital cubana. Na súa colaboración a sete columnas, o intelectual das terras do Landro insería un microespazo onde relataba o acto de colocación da pedra fundamental do Escolar de San Claudio que se tiña celebrado coa pompa e os festexos musicais, oratorios e gastronómicos debidos o día 11 do mes anterior. O texto de Villar Ponte case nada engade ás crónicas do evento xa coñecidas e divulgadas neste mesmo blog o pasado ano. A requirida brevidade do comentario, por mor do medio ao que ía dirixido e a abundancia de novas que debía compilar en cada entrega, non obsta para que nela se recolla o esencial da actividade programada e se mencionen algúns dos máis salientables persoeiros e protagonistas participantes coa persoal ponderación deles en palabras do articulista. Pero hai un dato no escrito do xornalista que chama particularmente a miña atención e que non figuraba de maneira expresa noutros soltos de prensa reproducidos en achegas precedentes. E é con esa primicia novidosa coa que, por certo, se abre a nota informativa que agora estou a glosar. Como querendo impactar aos lectores do outro lado do charco, deleitar e enaltecer aos membros da sociedade promotora do memorable acontecemento e fomentar a adhesión e cohesión entre os sanclaudienses residentes na illa antillana, o autor cifra en nada menos que «cerca de mil persoas» as que tomaran parte na cerimonia ritual colectiva daquel segundo luns do mes de xullo de hai un século. Un rexistro que sorprende pola súa elevada contía, tendo en conta que a poboación da parroquia a aquela altura non superaba os 1300 habitantes efectivos. Pero que aí fica perpetuado en letras de molde nos anais hemerográficos caribeños da efeméride, quen sabe se como testemuño certeiro e veraz, ou se cadra só estimativo a correr do azaroso compás do voapluma, ou máis ben aínda como mera ocorrencia do imaxinario, adubado cun chisco de fasquía optimista deliberada, con que o cronista quixo revestir, colmar e rubricar humanamente sobre o papel aquela xeira festiva, única e irrepetible para nós todos (presentes, ausentes, chegados e por chegar) e para o noso fogar comunitario; ese abrigadoiro que, ao lonxe ou de cerca, xuntos compartimos. Como queira que for, o nutrido volume de xentes mencionado acreditaba un rotundo e masivo apoio veciñal ao proxecto escolar que os emigrados principiaban a materializar nos seus pagos de orixe. Extremo este que non semella corroborado coa contundencia dos feitos previos e posteriores. Mais esa é outra historia da que cumprirá dar conta no seu momento. Agora quedarémonos coa literalidade da microcrónica de Villar Ponte como unha sorte de lembranza de gratitude e homenaxe a cantos ben a merecen.

***

Autoridades participantes no acto de colocación da primeira pedra do Escolar de San Claudio,

11 de xullo de 1921


 

CRÓNICAS DE LA VIDA GALLEGA

Para el «Diario de la Marina»

Cerca de mil personas se reunieron en un sitio céntrico de la parroquia de San Claudio (Ortigueira) para solemnizar debidamente la colocación de la primera piedra de un edificio que será destinado a escuela de niños y niñas, costeado y sostenido por la benemérita sociedad «Hijos de San Claudio», en Cuba.

Asistieron al acto las autoridades, representaciones de las sociedades hermanas, delegados de la prensa y otros.

Bendíjose y colocóse la primera piedra, después que la banda de música que dirige el señor Garrote dejó oír algunas piezas de su repertorio.

Hubo varios notables discursos: uno del señor cura de la parroquia, don Antonio Otero, otro del abogado prestigioso don Leandro Pita Sánchez Boado, otro del director del Colegio «Puente de Mera», y genial poeta gallego don Victoriano Taibo, otro del joven escritor señor Pita Romero. Hablaron también dos niñas de la escuela nacional y un hijo, niño aún, del industrial de aquella parroquia, don José Pérez Soto, y el periodista Enrique Rodríguez.

Una vez terminado el acto, las personas invitadas fueron obsequiadas en el «Salón Soto» con un espléndido lunch. A la hora de los brindis, los pronunciaron muy elocuentes, algunos de los señores ya citados y don José Pérez Yáñez, maestro de la escuela graduada de Ortigueira y don Vicente Ribadeneira, ingeniero de la Granja de Ponferrada. Todos fueron muy aplaudidos.

A.    Villar Ponte

Diario de la Marina (La Habana), nº 194, 17-8-1921, edición de la mañana, p. 9.

 

Intervención do mestre Victoriano Taibo e convidados ao acto da pedra inicial, entre eles Leandro Pita Sánchez-Boado e Leandro Pita Romero