17/06/2022

Efeméride. Tecendo memorias. De nós

Centenario

A primeira pedra do Escolar no Diario de la Marina

A comezos da segunda metade do mes de agosto de 1921, o xornal habaneiro Diario de la Marina publicaba unha das crónicas habituais do seu correspondente en Galicia, o escritor viveirense Antón Villar Ponte, quen con anterioridade, como é sabido, estivera radicado durante uns anos na capital cubana. Na súa colaboración a sete columnas, o intelectual das terras do Landro insería un microespazo onde relataba o acto de colocación da pedra fundamental do Escolar de San Claudio que se tiña celebrado coa pompa e os festexos musicais, oratorios e gastronómicos debidos o día 11 do mes anterior. O texto de Villar Ponte case nada engade ás crónicas do evento xa coñecidas e divulgadas neste mesmo blog o pasado ano. A requirida brevidade do comentario, por mor do medio ao que ía dirixido e a abundancia de novas que debía compilar en cada entrega, non obsta para que nela se recolla o esencial da actividade programada e se mencionen algúns dos máis salientables persoeiros e protagonistas participantes coa persoal ponderación deles en palabras do articulista. Pero hai un dato no escrito do xornalista que chama particularmente a miña atención e que non figuraba de maneira expresa noutros soltos de prensa reproducidos en achegas precedentes. E é con esa primicia novidosa coa que, por certo, se abre a nota informativa que agora estou a glosar. Como querendo impactar aos lectores do outro lado do charco, deleitar e enaltecer aos membros da sociedade promotora do memorable acontecemento e fomentar a adhesión e cohesión entre os sanclaudienses residentes na illa antillana, o autor cifra en nada menos que «cerca de mil persoas» as que tomaran parte na cerimonia ritual colectiva daquel segundo luns do mes de xullo de hai un século. Un rexistro que sorprende pola súa elevada contía, tendo en conta que a poboación da parroquia a aquela altura non superaba os 1300 habitantes efectivos. Pero que aí fica perpetuado en letras de molde nos anais hemerográficos caribeños da efeméride, quen sabe se como testemuño certeiro e veraz, ou se cadra só estimativo a correr do azaroso compás do voapluma, ou máis ben aínda como mera ocorrencia do imaxinario, adubado cun chisco de fasquía optimista deliberada, con que o cronista quixo revestir, colmar e rubricar humanamente sobre o papel aquela xeira festiva, única e irrepetible para nós todos (presentes, ausentes, chegados e por chegar) e para o noso fogar comunitario; ese abrigadoiro que, ao lonxe ou de cerca, xuntos compartimos. Como queira que for, o nutrido volume de xentes mencionado acreditaba un rotundo e masivo apoio veciñal ao proxecto escolar que os emigrados principiaban a materializar nos seus pagos de orixe. Extremo este que non semella corroborado coa contundencia dos feitos previos e posteriores. Mais esa é outra historia da que cumprirá dar conta no seu momento. Agora quedarémonos coa literalidade da microcrónica de Villar Ponte como unha sorte de lembranza de gratitude e homenaxe a cantos ben a merecen.

***

Autoridades participantes no acto de colocación da primeira pedra do Escolar de San Claudio,

11 de xullo de 1921


 

CRÓNICAS DE LA VIDA GALLEGA

Para el «Diario de la Marina»

Cerca de mil personas se reunieron en un sitio céntrico de la parroquia de San Claudio (Ortigueira) para solemnizar debidamente la colocación de la primera piedra de un edificio que será destinado a escuela de niños y niñas, costeado y sostenido por la benemérita sociedad «Hijos de San Claudio», en Cuba.

Asistieron al acto las autoridades, representaciones de las sociedades hermanas, delegados de la prensa y otros.

Bendíjose y colocóse la primera piedra, después que la banda de música que dirige el señor Garrote dejó oír algunas piezas de su repertorio.

Hubo varios notables discursos: uno del señor cura de la parroquia, don Antonio Otero, otro del abogado prestigioso don Leandro Pita Sánchez Boado, otro del director del Colegio «Puente de Mera», y genial poeta gallego don Victoriano Taibo, otro del joven escritor señor Pita Romero. Hablaron también dos niñas de la escuela nacional y un hijo, niño aún, del industrial de aquella parroquia, don José Pérez Soto, y el periodista Enrique Rodríguez.

Una vez terminado el acto, las personas invitadas fueron obsequiadas en el «Salón Soto» con un espléndido lunch. A la hora de los brindis, los pronunciaron muy elocuentes, algunos de los señores ya citados y don José Pérez Yáñez, maestro de la escuela graduada de Ortigueira y don Vicente Ribadeneira, ingeniero de la Granja de Ponferrada. Todos fueron muy aplaudidos.

A.    Villar Ponte

Diario de la Marina (La Habana), nº 194, 17-8-1921, edición de la mañana, p. 9.

 

Intervención do mestre Victoriano Taibo e convidados ao acto da pedra inicial, entre eles Leandro Pita Sánchez-Boado e Leandro Pita Romero



Ningún comentario:

Publicar un comentario